Xornada acerca da Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade en Vigo

O pasado 27 de maio a Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente, VIgalicia, organizou en Vigo unha Xornada sobre a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con discapacidade. Para a organización deste evento, VIgalicia, contou coa colaboración da Fundación Pedro Barrié de la Maza quen cedeu desinteresadamente a súa sede na cidade olívica como escenario desta xornada.

Público asistente ao acto [Clic para ampliar a imaxe]

A apertura desta xornada correu a cargo do Presidente de VIgalicia, José Antonio Novoa, e do membro do Foro de Vida Independiente, Antonio Centeno.

Novoa falou desta xornada: “un evento que trata de sacar á luz a realidade das persoas con diversidade funcional e as súas familias dende a experiencia”.

O Presidente de VIgalicia considera Convención da ONU como un elemento que permitirá: “establecer un novo contrato social que cambiará a vida de moitas persoas”.

Pola súa banda Antonio Centeno, ve no movemento asociativo tradicional un dos grandes inconvenientes á hora de facer realidade a Convención da ONU xa que: “os que comezaron sendo reclamantes de dereitos acabaron como meros xestores de servizos”.

A seguinte en intervir foi a Profesora de Dereito internacional Público da UDC, Adela Rey que falou sobre: A Convención da ONU.

O primeiro punto que destacou a Profesora Rey foi o feito que: “en leis anteriores as persoas con diversidade funcional eran vistas como un problema que resolver, pola contra, na Convención estas persoas son tratadas como suxeitos de pleno dereito e isto é un paso fundamental”. Segundo Adela Rey: “a Convención non crea dereitos humanos novos pero si consolida dereitos humanos xa existentes. Cúmprese coa Convención o lema do Foro de Vida Independiente; NADA PARA NÓS SIN NÓS”.

A mañá rematou coa exposición de Marta Núñez, membro do grupo Dereito-Atención á diversidade da UDC. Núñez apuntou que: “a nivel educativo a lei española, ben interpretada, está ao nivel da Convención, pero este tratado pode axudar a que estas leis se fagan efectivas, xa que, todo principio legal non serve de nada se a práctica real non é efectiva”.

De esquerda a dereita: Cecilio García, Mónica Sumay, Cuca da Silva e Juan José Maraña [Clic para ampliar a imaxe]

Xa pola tarde, o membro de VIgalicia e do Foro de Vida Independiente, Juan José Maraña, presentou os Testemuños dende a Experiencia a cargo de María Cruz da Silva, Cecilio García e Mónica Sumay.

Maraña asegurou que: “estas experiencias tratan de como os individuos fan reais os seus dereitos civís exercéndoos. Son a voz dos sen voz”.

Cecilio García falou da historia do seu fillo, diagnosticado con trastorno do aspecto autista, e das trabas que a administración pon á súa educación inclusiva. Neste senso asegurou que: “sobre os nosos fillos ninguén sabe máis ca nós pero a administración nunca nos preguntou”.

María Cruz da Silva, nai dun neno diagnosticado tamén con trastorno do espectro autista, falounos da súa experiencia vital e glosou as actividades que levan a cabo na Asociación Por Dereito da que é presidenta.

Por último Mónica Sumay, nai dunha nena con diversidade funcional intelectual, explicou a situación de segregación educativa á que a administración quere someter á nena. Sumay asegurou que: “a miña filla é un ser humano que, cos apoios precisos, pode estar integrada co resto da sociedade”.

Tras as intervencións, proxectouse un vídeo do Foro de Vida Independiente que nos mostrou a vida en compañía do seu asistente Persoal, de Dani, o primeiro neno que ten a Asistencia Persoal en España recoñecida como un dereito.

Na continuación dos "Testemuños dende a experiencia" tomaron a palabra Elena Piñeiro, Presidenta de Hoy por Mañana, e a membro de VIgalicia e do Foro de Vida Independiente, Marita Iglesias.

Elena Piñeiro falou do porque, no ano 2006, a Asociación Hoy por Mañana tivo que cesar as súas actividades: “os nosos nenos nunca serán rendibles politicamente e, por esa razón, tivemos que pechar”.

Pola súa banda, Marita Iglesias, explicou o que foi a súa experiencia como usuaria do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal de Galicia. Ao respecto asegurou que: “o proxecto inicial viuse prostituído porque se tratou a asistencia persoal como unha cuestión de cartos cando, en realidade, se trata dunha cuestión de dereitos”.

A seguinte intervención correu a cargo dos membros de VIgalicia e do Foro de Vida Independiente, Anxela López e Francisco Fernández que fixeron un repaso ao modelo de vida independente e á figura do asistente persoal. Para isto proxectaron varias pezas audiovisuais onde usuarios Asistencia Persoal de ULOBA, unha cooperativa de Noruega, amosan a vida que as persoas con diversidade funcional poden levar a cabo coa axuda da ferramenta social que é a Asistencia persoal.

O peche a esta xornada chegou da man do membro do Foro de Vida Independiente, Antonio Centeno. Centeno é un dos impulsores e tamén usuario do Proxecto de Asistencia Persoal de Barcelona. Como experto no modelo da Diversidade, explicou que: “un dos principios fundamentais da Convención é o que vincula á dignidade das persoas á súa independencia. Eu non son unha vaca, polo tanto, quero e podo tomar decisións sobre a miña propia vida. Iso é dignidade”. Nesta busca da dignidade, Antonio Centeno apunta á Asistencia Persoal como ferramenta ideal para que as persoas con diversidade funcional poidan tomar decisións sobre a súa propia vida.

Declaración Mundial

Logotipo de Paz y diversidad

Contribución das Persoas con Diversidade Funcional a unha Cultura de Paz. Adhírete