Alejandra non é especial, é unha persoa
Mónica Sumay, nai da nena discriminada por razón da súa diversidade funcional: Alejandra non é especial, é unha persoa.
Alejandra é unha nena con diversidade funcional intelectual de 14 anos, de Catoira (Pontevedra), a quen a Delegación Provincial da Consellería de Educación obriga a escolarizarse nun Centro de Educación Especial situado a 15 Km do seu lugar de residencia. Esta medida vulnera a Convención de Nacións Unidas dos Dereitos das persoas con discapacidade e rompe os principios de igualdade de oportunidades e participación social impedindo unha educación inclusiva e diversa. Ante esta situación Mónica Sumay, nai de Alejandra, concedeu a VIgalicia unha entrevista, na que denuncia a discriminación á que se está a ver sometida a súa filla.
Que opinión lle merece un sistema educativo que obriga a unha persoa con diversidade funcional como Alejandra a deixar o seu entorno de sempre – o Centro Público Integrado El Progreso - por non poñer en funcionamento uns recursos que, por lei, debería ter ao seu alcance?
En primeiro lugar paréceme fatal, diso non hai dúbida ningunha. Ademais, como colexio de integración que é, si os medios non existisen terían que poñelos e eles mesmos deberían de loitar por iso. Neste caso, estes medios si existen, pero non queren poñelos en marcha.
Como valora o feito de que se fale sempre do benestar de Alejandra sen que ninguén se moleste en preguntarlle a ela que é o que realmente quere?
Quero pensar que a maioría das persoas que fan estes informes de valoración, xa sexa de forma inconsciente ou por ignorancia, non coñecen a realidade das persoas con diversidade funcional. Unha vez coñecida dita realidade, hai que sopesar as decisións que se toman posto que non afectan só á propia persoa senón tamén ao seu entorno. E nin sequera consultaron á familia. Non é xusto.
Cal é a relación de Alejandra cos seus compañeiros de clase?
É excelente, é máis, xa non só a dos seus compañeiros senón en xeral a de todo o colexio. Os propios nenos pequenos saben que Alejandra é diferente pero impera o respecto e nunca houbo unha discriminación pola súa parte.
Outro dos razoamentos dos docentes da súa filla para avalar o seu cambio de centro é que alí podería realizar máis progresos. Cal é a súa valoración desta afirmación?
Esa é a súa opinión e é respectable. Eu coñezo á miña filla e sei o que avanzou en todos estes anos. Por outro lado tamén creo que si queremos que Alejandra se integre na sociedade é importante que aprenda os patróns que se poden denominar normais.
A educación é un dereito igualitario para todos os cidadáns independentemente das súas circunstancias. Que lle suxire a expresión Colexio de Educación Especial?
Sóame a institución,… a horror. É facer máis diferente á persoa. Alejandra non é especial, é unha persoa.
Cree vostede que a Delegación de Educación sabe que coa decisión de excluír a Alejandra está violando a Convención de Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade e os Dereitos Humanos?
Non sei se o saben. Si o saben, estana pasando por alto, o cal é un feito moi grave.
Ten a impresión de non estar só defendendo os dereitos de Alejandra senón tamén os de todas as persoas con diversidade funcional que se ven discriminadas polo sistema?
Teño moi claro. Dende o primeiro momento que cando iniciei esta loita non só pelexaba polos dereitos de Alejandra. Quizais todo sería máis sinxelo se eu non manifestase isto publicamente pero eu non quero que me fagan un favor, estou reclamando un dereito. Neste momento tocoume a min pero ao mellor hai máis persoas nesta situación que non poden facerse ouvir por falta de medios, apoio, coñecementos,…
Toda persoa debe ter a posibilidade exercer o poder de decisión sobre a súa propia existencia. Porque ás persoas con diversidade funcional se lles nega este dereito?
Négaselles este dereito porque non coñecen a diversidade funcional nin a realidade das persoas con diversidade funcional. Creen que detrás dunha persoa con diversidade funcional non hai alguén con sentimentos,… que non hai vida.
En pleno século XXI a visión da sociedade con respecto á diversidade funcional segue chea de prexuízos. Porque cree que se nos segue a considerar cidadáns de segunda?
A resposta a esta pregunta é a mesma que na anterior, por un absoluto descoñecemento da realidade das persoas con diversidade funcional. Ademais disto engadiría que se debe a unha falta de concienciación social (aínda que tamén hai xente que ten esa sensibilidade á hora de achegarse á diversidade).
Na súa opinión que debería de cambiar a nivel político é lexislativo para que se dera unha inclusión plena das persoas con diversidade funcional na sociedade? Qué pode facer vostede para que a situación actual cambie?
As leis están aí, só falta que se cumpran e que se respecten (o cal non é pouco). O máis que se pode facer e denuncialo publicamente, que todo o mundo saiba como funciona a administración e, no caso de ter os apoios e recursos necesarios, denuncialo perante a xustiza.
Xa como remate final. Que lles diría a todos os pais de persoas con diversidade funcional que se poidan ver nunha situación similar á de Alejandra?
Que intenten que os seus fillos participen como todos os demais, dentro da súa diversidade, xa que cada un é único. O feito de que se escolaricen en centros ordinarios fai que sexa positivo para eles e para os demais nenos que se acostuman a ver a diversidade como algo normal e positivo.


![Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_fvid.png)
![Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_solcom.png)
![Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_dhy.png)
![Logotipo de ENIL, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_enil.png)
