Nova edición do certame de curtametraxes “nada sobre nós sen nós”

Os pasados 8 e 9 de Novembro tivo lugar unha nova edición do certame de curtametraxes NADA SOBRE NÓS SEN NÓS que cada ano organiza a Asociación ÁMBAR en colaboración co Concello de Boiro.

Na tarde do venres día 8 tivo lugar na Casa da Cultura de Boiro un cinefórum no que se proxectaron dúas creacións audiovisuais e se deu paso a unha interesante charla-coloquio no que se debateron diferentes aspectos relacionados coa diversidade funcional. En concreto proxectáronse as pezas “MAE, PAE, FILHO” e “ESPIRAL”.
En “MAE, PAE, FILLO” amósase un día na vida dunha familia brasileira na que a nai e o pai posúen unha diversidade funcional o que non lles impide ter unha vida plena en todos os aspectos (na cinta móstrasenos o traballo da nai como pediatra nun hospital). Unha obra que reflicte como as persoas con diversidade funcional poden facer unha vida completamente normal se non “se lles impide con circunstancias que poden acabar por confinalos en asilos-residencia” como declaraba un dos asistentes ao coloquio.

“ESPIRAL” é a plasmación fílmica da performance que José Antonio Novoa representou na Praza Jacinto Benavente de Madrid o pasado 13 de Setembro coincidindo coa celebración da “II Marcha pola Visibilidade da Diversidade Funcional”. Novoa aclarou que: “esta peza simboliza a espiral expansiva da vida vencendo a contraespiral opresiva do minusvalidismo de burocracia e de atrancos cos que se atopan as persoas con diversidade funcional e que, ao final, nos converten en reos das gaiolas e labirintos de papeis que constriñen os dereitos humanos e fan imposible de levar una vida independente e activa dentro da sociedade”.

Ao día seguinte, 9 de Novembro, entregáronse os galardóns ás obras gañadoras nesta edición de NADA SOBRE NÓS SEN NÓS. O acto de entrega tivo lugar na Casa do Concello de Boiro a partir das 19:00 horas.

Pola mañá reuniuse o xurado composto por Xosé Manuel Olveira, Pico, que fixo de secretario e se abstivo de cualificar por intervir como actor nunha das obras presentadas a concurso; Marga Toxo, periodista; Ricardo Llovo, director de cine; Manuel Lobato, activista do Foro de Vida Independente; e Xerardo Piñeiro, concelleiro de Cultura de Boiro, departamento institucional que da apoio a esta iniciativa de carácter anual e ámbito internacional.

Con respecto ás distincións, na categoría de ficción a obra gañadora foi “EL TIEMPO PRESTADO” de David González na que se reflicte a soidade das persoas maiores aínda que vivan rodeadas de xente.

Polo que se refire aos documentais, a gañadora foi a cinta “LA DISCAPACIDAD INVISIBLE” de Anne Larrañaga na que se da conta dos problemas que afrontan as persoas cunha diversidade funcional auditiva.

Ademais destas obras, tamén foron distinguidas cunha Mención Especial do Xurado as pezas “LA CULPA DEL OTRO” de Iván Ruíz, “MI HERMANO” de Alain Lefebver e “BANANA GUN” de José Miguel Adamuz.

Con estas nominacións culminouse unha nova edición do Certame “NADA SOBRE NÓS SEN NÓS” unha iniciativa que quere achegar a diversidade funcional ao cine como un medio máis de normalizar a situación das persoas con diversidade funcional no conxunto da sociedade.

Navegación

Boletín VIgalicia

Información periódica de VIgalicia no teu correo.

Derechos Humanos YA!

Logo Derechos Humanos YA!
derechoshumanosya.org
Los derechos y la dignidad de las personas con diversidad funcional

VIgalicia, membro da ENIL