A asociación INTEGRO organiza unhas xornadas sobre muller e diversidade funcional

Os pasados 29 e 30 de Novembro a Asociación INTEGRO organizou unhas xornadas baixo o título de Muller e diversidade funcional no medio rural: visibilidade da diversidade.

Na tarde do día 29 o Centro Social de Neaño (Cabana de Bergantiños) foi o escenario no que se inaugurou este evento coa presentación do mesmo a cargo de Tereixa Novo Arrojo, Delegada Provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, José Muíño Domínguez, Alcalde de Cabana de Bergantiños, e do Presidente de INTEGRO, Adolfo López Baña. Os tres coincidiron na importancia de celebrar xornadas coma esta a fin de dar maior visibilidade ás persoas con diversidade funcional en xeral e ás mulleres en particular e animaron a INTEGRO a seguir traballando nesta liña.

Tras a inauguración tomou a palabra Ana Isabel Castiñeira Romero, Secretaria da Asociación INTEGRO, que falou acerca do termo diversidade funcional. Na súa opinión: todos os termos que, ata o de agora, definían ás persoas con diversidade funcional facíano de xeito negativo e ao falar en negativo convertemos ás persoas en algo tamén negativo.

Castiñeira asegurou que con este termo ás persoas con diversidade funcional buscan restablecer a súa dignidade como parte da raza humana e que: é a primeira vez na historia que un termo para designarnos nace de nós mesmos e isto é algo moi importante.

A seguinte intervención correu a cargo de Marta Rodríguez Pérez, Técnica da Oficina de Igualdade e Benestar de Carballo. Na primeira parte da súa exposición, Pérez explicou o funcionamento da oficina para logo facer un pequeno repaso, dende a perspectiva sociolóxica, á historia dos movementos en favor dos dereitos das persoas con diversidade funcional. Na súa opinión: existe un gran paralelismo entre os movementos polos dereitos da muller e os movementos en favor dos dereitos das persoas con diversidade funcional xa que os dous inciden na necesidade de transformar o mundo.

Tras unha breve pausa, foi a quenda á Secretaria de Organización de VIgalicia e membro do Foro de Vida Independente, Anxela López, que falou acerca da violencia de xénero nas mulleres con diversidade funcional facendo especial fincapé na situación no medio rural.

Segundo López: violencia de xénero é todo acto de violencia en base ás relacións de poder do home sobre a muller. As mulleres con diversidade funcional, ao padecer unha dobre discriminación, teñen aínda máis patente a posibilidade de ser vítima de malos tratos.

López aportou unha serie de datos para aclarar cal é a situación da muller con diversidade funcional no medio rural: pola dobre discriminación de ser muller e ter diversidade funcional a situación laboral destas persoas é moi precaria o que redunda nunha maior dependencia que fai que estas mulleres non teñan a concepción de si mesmas como vítimas: e así porque ten que ser. Por todas estas circunstancias un 80% das mulleres con diversidade funcional é ou foi vítima dos malos tratos.

Para rematar a súa intervención, Anxela López fixo fincapé na necesidade de implantar a asistencia persoal como: unha ferramenta que nos permite decidir sobre a nosa vida e que pode axudar a por fin a estas situacións de abuso xeradas pola dependencia.

A tarde rematou coa exposición da Traballadora Social de INTEGRO, Beatriz Antiqueira Pérez, que falou acerca do papel da muller ante a Lei de Dependencia.

O día 30 o Centro de Recursos de INTEGRO (Nantón, Cabana de Bergantiños) acolleu a presentación da nova imaxe da asociación a cargo de Pedro Tasende de Aporta Comunicacións e a conferencia do Presidente de VIgalicia e membro do Foro de Vida Independente, José Antonio Nóvoa, sobre: Convención da ONU e dereitos humanos.

Na mesma, Nóvoa falou da Convención da ONU das persoas con diversidade funcional, a cal entrou en vigor o pasado 3 de maio, e que asegura que: a discriminación contra calquera persoa por razón da súa diversidade funcional constitúe unha vulneración da dignidade e o valor inherentes do ser humano e polo tanto constitúe unha violación dos Dereitos Humanos.

Segundo a Convención queda claro que é ao Estado a quen corresponde, principalmente, a creación das condicións adecuadas para que as persoas con diversidade funcional participen na sociedade, sexan incluídas nela e gocen dos dereitos humanos en igualdade cos demais.

A Convención recolle a perspectiva do Movemento de Vida Independente xa que: considera a discapacidade como un problema socialmente construído e como unha cuestión de dereitos. Este tratado internacional dispón que as persoas con diversidade funcional deben participar activamente nos procesos de adopción de decisións sobre políticas e programas que lles afectan directamente.

A xornada rematou cunha representación teatral e cos xogos na diversidade.

Informe SOLCOM 2011

  • Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de ENIL, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]