Os tribunais apoian a causa de Alejandra Lobato na procura da súa educación inclusiva

A loita de Mónica Sumay e José Lobato, pais de Alejandra unha nena con diversidade funcional intelectual de Catoira á que a Delegación Provincial da Consellería de Educación quere obrigar a escolarizarse nun centro de educación especial en contra do criterio dos seus pais e vulnerando o ideario de educación inclusiva que promulga o artigo 24 da Convención da ONU sobre os Dereitos das persoas con Discapacidade, segue o seu curso.

Nesta ocasión o Xulgado do Contencioso Administrativo Nº 1 de Pontevedra deulle a razón a Mónica Sumay ordenando manter a suspensión da escolarización de Alejandra no Centro de Educación Especial de Vilagarcía e podendo continuar coa súa educación dentro do seu entorno no CPI Progreso de Catoira como ata o de agora. Esta decisión ven a frustrar as intencións da administración de escolarizar a Alejandra sen o consentimento dos seus proxenitores.

Para explicar este novo paso no caso de Alejandra, na tarde do pasado 9 de febreiro, Mónica Sumay deu unha rolda de prensa na súa casa. Sumay estivo acompañada pola activista dos Dereitos Humanos e membro do Foro de Vida Independente, Anxela López. En dita rolda de prensa, Sumay asegurou que: “estou moi contenta con esta decisión pero entristéceme que teña que ser un xuíz o que decida sobre a educación da miña filla”.

Mónica explicou como se sentiu ao longo de todo este proceso: “chegueime a sentir acosada pola administración como si en todo isto houbese algo persoal na miña contra. A suspensión cautelar, aínda que non definitiva, é un paso importante”.

Pola súa banda, Anxela López asegurou que: “celebramos a medida cautelar que permitirá a Alejandra seguir os seus estudios onde sempre o fixera. A actitude da administración é unha clara vulneración dos dereitos de Alejandra así como do artigo 24 da Convención da ONU”.

Este é un paso máis na loita que están a manter os pais de Alejandra xunto con outros pais de nenos con diversidade funcional para que a educación dos seus fillos sexa inclusiva, poñendo fin as medidas de segregación que a administración se resiste a superar.

VIgalicia quere apoiar aos pais que loitan para que as persoas con diversidade funcional e a sociedade en xeral coñezan cales son os seus dereitos e na defensa dos mesmos, instando ás Administracións Públicas a que adopten as medidas necesarias para facer efectivo o cumprimento do disposto pola Convención da ONU.

Proba disto foron as as “Xornadas acerca da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade” que tiveron lugar en Santiago de Compostela os pasados 29 e 30 de xaneiro. Nas mesmas, tanto Mónica Sumay como outros pais de nenos con diversidade funcional que queren acceder a unha educación inclusiva deron conta das súas experiencias e reclamaron que se levase a efecto o ideario de educación plasmado na Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade que asegura que: ”sobre a base da igualdade de oportunidades, os Estados Partes asegurarán un sistema de educación inclusivo a todos os niveis”.

Declaración Mundial

Logotipo de Paz y diversidad

Contribución das Persoas con Diversidade Funcional a unha Cultura de Paz. Adhírete