Os pais de Pablo piden ás administracións públicas que fagan valer os dereitos do seu fillo
Os pais de Pablo, un neno de 5 anos con parálise cerebral, non saíron do seu asombro cando escoitaron nos medios de comunicación que as novas cadeiras dos despachos da Xunta de Galicia tiñan un custo de 2.000 euros. Precisamente ese era o prezo da cadeira que solicitaron para que Pablo puidese estar á mesma altura que os seus compañeiros de clase. Esta petición foi denegada, a razón: “esta cadeira é demasiado cara”.
Isto lévanos a formularnos unha pregunta: ¿é unha cadeira de 2.000 euros unha adaptación razoable conforme ao artigo 24 da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade?
Vigalicia consultou a varios xuristas do ámbito académico, que coinciden na resposta de que non só é razoable senón que constitúe unha obriga dos poderes públicos proporcionar tales medidas xa non só en relación coa educación senón tamén coa mobilidade persoal (artigo 20 da Convención e tamén na Lei de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade -LIONDAU-).
Engadindo que “no tocante á educación, a mellor referencia nacional é a Lei Orgánica de Educación”. No seu artigo 110 fai referencia á accesibilidade dos centros docentes: “os centros educativos existentes que non reúnan as condicións de accesibilidade esixidas pola lexislación vixente deberán adecuarse nos prazos e con arranxo aos criterios establecidos pola Lei de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal”.
Do mesmo xeito, dita Lei especifica que: “as Administracións educativas promoverán programas para adecuar as condicións físicas, incluído o transporte escolar, e tecnolóxicas dos centros e dotaranos dos recursos materiais e de acceso ao currículo adecuados ás necesidades do alumnado que escolariza, especialmente no caso de persoas con discapacidade, de modo que no se convertan en factor de discriminación e garantan unha atención inclusiva e universalmente accesible a todos os alumnos”.
Queda claro, por tanto, a obrigatoriedade por lei de que as administracións públicas velen polos dereitos de Pablo, neste caso, facilitándolle a adaptación razoable que significa esta cadeira.
Este é só un dos múltiples atrancos que estes pais atoparon dende que decidiron solicitar as axudas da Lei de Promoción da Autonomía Persoal.
Acolléndose ao dereito que esta Lei orixinou para o seu fillo, a familia presentou a documentación pertinente para percibir as axudas como coidadores a tempo parcial de Pablo, que está valorado como grado III, nivel II. Pero aínda que en xaneiro de 2008 recibiron a carta na que se lles concedía esta prestación, a día de hoxe, manifestan que aínda non percibiron un só euro.
A familia desexa certezas sobre a resolución desta situación. Segundo conta Charo Mayán, nai de Pablo: “en outubro do pasado ano o expediente chegou á Coruña, pero ao mes ninguén sabía xa onde estaba”
.


![Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_fvid.png)
![Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_solcom.png)
![Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_dhy.png)
![Logotipo de ENIL, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_enil.png)
