Presentan o primeiro recurso contra a Xunta pola lei de dependencia
Un avogado cunha filla discapacitada leva a Vicepresidencia aos tribunais tras esperar dous anos pola axuda
Segundo o avogado demandante, a lei é clara sobre o tipo de prestación á que teñen dereito
A resolución que recoñece á súa filla a dependencia no seu nivel máximo foi asinada e admitida en maio do 2007. Un asistente social emitiu semanas despois un informe no que recomendaba a prestación dunha axuda de asistencia externa. A lei de dependencia establece que ese tipo de prestación ascende a 831 euros, e a propia Vicepresidencia da Xunta contempla un prazo máximo de seis meses para que o beneficiario comece a percibir o diñeiro. Pero a día de hoxe, case dous anos despois, a familia dunha nena de seis anos con atraso psicomotor agarda a subvención prometida.
O pai da pequena é o avogado coruñés José Enrique Corredoira, e o pasado mércores presentou un recurso contencioso-administrativo contra Vicepresidencia, o primeiro que se expón en Galicia por supostas irregularidades na aplicación da lei de dependencia. O departamento que dirixe Anxo Quintana xustifica a demora en que "a prestación que solicitan vos pais non está recollida na lei; así que nestes momentos estase a traballar para reconducir a solicitude dunha axuda conforme a legalidade".
A resposta do departamento autonómico "non se axusta á verdade", segundo manifesta o letrado que presentou o contencioso, que mostra como proba o documento oficial asinado por Vicepresidencia en maio do 2007 no que se recoñece que a familia da dependente reúne os requisitos para acceder á axuda correspondente a unha asistenta externa, fixada en 831 euros, segundo establece a lei en vigor.
Non só iso. Outro informe, asinado polo asistente social deste departamento autonómico, ratifica a necesidade que se lle outorgue á familia da nena unha prestación de asistencia persoal debido a que a menor foi considerada como gran dependente no seu grao máximo.
Unha vez que pasaban os meses e a familia non recibía a prestación, puxéronse en contacto coa delegación na Coruña de Vicepresidencia. "Tras entrevistarme co seu responsable e logo de varias reunións con persoas dese departamento, dílleme que non habería problema algún en ingresarme a axuda, cunha paga dos meses atrasados, se aceptaba 519 euros ao mes en lugar de 831", recorda Corredoira. Eses 519 euros son os que marca a lei no caso de que sexan os familiares os que se encarguen do coidado do dependente, pero debido a que, neste caso, os pais da nena traballan, teñen dereito á outra modalidade de prestación, que é a de contar cun asistente externo; nese caso o Estado fixou a cantidade de 831 euros destinados a pagar a un empregado. "¿Como vou aceptar unha rebaixa semellante se a propia consellería recoñeceume oficialmente que a miña filla ten dereito a unha cantidade maior, a que establece a lei? ¿En base a que razoamentos?", pregúntase.
Alberto Mahía - Foto: Oscar París. 21/02/2009 FONTE: LaVozdeGalicia.es

![O avogado José Enrique Corredoira [Clic para ampliar la imagen] O avogado José Enrique Corredoira [Clic para ampliar la imagen]](http://www.vigalicia.org/files/IMAXES/jose_enrique_corredoira_mini.jpg)

![Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_fvid.png)
![Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_solcom.png)
![Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_dhy.png)
![Logotipo de ENIL, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_enil.png)
