VIgalicia presentou un documental sobre experiencias de vida independente

Na mañá do pasado 17 de xullo, a Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente, VIgalicia, presentou o documental:“Vidas Iguales, vidas diferentes. Historias de Asistencia Personal”.

Esta obra, producida por ASPAYM-Madrid , é o primeiro documental sobre experiencias de Vida Independente e Asistencia Persoal que existe no estado Español.

Este acto tivo lugar na sede do Vicerreitorado de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC (Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega).

A dita proxección asistiron a Secretaria Xeral de Familia e Benestar da Xunta de Galicia, Susana López Abella, o Vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, José M. Mayán, a Coordinadora da Oficina de Vida Independente da Comunidade de Madrid, Soledad Arnau, e o Presidente de VIgalicia e representante da Rede Europea de Vida Independente (ENIL) en España, José Antonio Nóvoa, entre outros.

O representante da ENIL, declarou que: “unha das razóns polas que queremos difundir este documental é amosarlle ao goberno galego a experiencia levada a cabo na comunidade de Madrid para poder reproducila aquí eficazmente”.

Pola súa parte, Susana López Abella, asegurou que: “a posibilidade de estar aquí e coñecer a Soledad é moi importante. O seu coñecemento será vital á hora de non repetir erros do pasado”.

O documental reflicte o día a día de tres persoas con diversidade funcional (Mabi, Javier e Paco) que coa chegada da asistencia persoal teñen a posibilidade de levar a cabo os seus proxectos de vida de maneira independente e en igualdade de oportunidades.

Tras a proxección tivo lugar un coloquio no que os presentes deron a súa opinión sobre o modelo de vida independente e sobre outras cuestións que afectan ás persoas con diversidade funcional.

O membro de VIgalicia e do Foro de Vida Independente, Juan José Maraña, explicou que: “o gasto anual medio que supón unha praza nunha residencia está valorado nuns 36.000 euros. Pola contra o gasto medio dun asistente persoal anualmente é de uns 14.000 euros. Con estas cifras demóstrase que esta ferramenta social é eficaz economicamente”.

Soledad Arnau apuntou ademais dúas das claves do modelo de vida independente: “ é fundamental que os usuarios de asistencia persoal reciban formación en vida independente para que poidan facer un uso correcto da asistencia persoal e, por outro lado, ten moita importancia a figura do apoio entre pares xa que é fundamental poder acudir a persoas que se atoparon nas mesmas situacións ca ti previamente e saber de que maneira as afrontaron”.

Por último, José Antonio Nóvoa desexou que: “nesta nova etapa política que vimos de comezar en Galicia se poida levar a cabo o aprobado no ano 2007 polo Parlamento, é dicir, a instauración na nosa comunidade dun verdadeiro servizo de asistencia persoal e tecnolóxica baseado no modelo de vida independente. Ademais esperemos que o novo goberno aposte polos ideais da educación inclusiva e deixe de lado a segregación á que están sendo sometidos moitos nenos con diversidade funcional. A educación e a base para que nun futuro as persoas con diversidade funcional deixemos de ser dis-cidadáns”