Declaración Mundial de Contribución das Persoas con Diversidade Funcional a unha Cultura de Paz
A Declaración Mundial é unha das primeiras iniciativas desta área de traballo. Desde este novo espazo sobre Paz, denúnciase a exclusión sistemática e permanente das persoas con diversidade funcional nas súas investigacións e actuacións.
A Declaración é unha primeira resposta a esa constante invisibilización. Desde a perspectiva dos Dereitos Humanos, da Convención Internacional da ONU, xunto coa Filosofía do movemento mundial de Vida Independente, reclámase que se traballe por unha Cultura de Paz emancipatoria e inclusiva.
As mulleres e homes, con ou sen diversidade funcional, deben recibir formación en Educación para a Paz e Educación en Dereitos Humanos, a fin de poder converterse en construtoras e construtores de Paz. Así como unha educación para unha Cultura de Vida Independente inclusiva para todas e todos.
Esta Declaración conta con apoio de destacadas institucións, así como do respaldo de numerosas personalidades do ámbito político, académico e da sociedade civil. Ver os apoios.
O Centro Documental para a Vida Independente (CEDOVI), do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU), ), da Universidade de Santiago de Compostela, habilitou un sistema de adhesións á Declaración Mundial desde a súa web.
Que é a Declaración mundial de contribución das Persoas con diversidade funcional a unha Cultura de Paz?

É unha iniciativa do Centro Unesco da Comunidade de Madrid, na que participan numerosas expertas e expertos de todo o mundo e que aínda se atopa en fase de borrador. O obxectivo principal da declaración é sentar as bases para a construción dunha Cultura de Paz, que se logrará necesariamente mediante a eliminación de todo tipo de discriminación, xa sexa funcional, de sexo, de raza, relixiosa, etc.

En decembro do presente ano, celebrarase en Santiago de Compostela o Foro Mundial de Educación 2010 de “Educación, Investigación e Cultura de Paz” , e é neste contexto onde a Declaración Mundial pretende ver a luz co propósito de advertir á comunidade internacional sobre a necesidade de asumir e consolidar o concepto de Vida Independente e inclusión das persoas con diversidade funcional, sen os que sería imposible cimentar unha verdadeira Cultura de Paz.
Descargar a Declaración (PDF 114 Kb).


![Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_fvid.png)
![Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_solcom.png)
![Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_dhy.png)
![Logotipo de ENIL, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_enil.png)
