Os pais de alejandra néganse a que a súa filla sexa discriminada
A nai da nena lémbralles aos responsabeis de educación que están a vulnerar os preceptos da Convención da ONU polos Dereitos das Persoas con Diversidade Funcional
Mónica Sumay compareceu na tarde do pasado 19 de agosto ante os medios de comunicación para denunciar a discriminación á que se está a ver sometida a súa filla.
Mónica é nai de Alejandra, unha nena con diversidade funcional intelectual de 14 anos, de Catoira (Pontevedra), á quen a Delegación Provincial da Consellería de Educación obriga a escolarizarse nun Centro de Educación Especial situado a 15 Km do seu lugar de residencia. Esta medida vulnera a lexislación vixente e rompe os principios de igualdade de oportunidades e participación social impedindo unha educación inclusiva e diversa.
Sumay estivo acompañada pola avogada Anxela López, membro do Foro de Vida Independente, que deu o seu punto de vista legal e tamén aportou a súa visión como persoa con diversidade funcional.
Sumay asegurou que vai loitar polos dereitos da súa filla posto que está amparada pola lei e lembroulles, aos responsabeis da Consellería de Educación, que, dende o pasado 3 de maio de 2008, está vixente a Convención das Nacións Unidas polos Dereitos das persoas con Discapacidade en virtude da cal, según Sumay:
todos os países asinantes, entre eles España, están obrigados a promover ou cambiar as leis para garantir todos os dereitos e liberdades das persoas con diversidade funcional. Ninguén poderá ser discriminado por mor de ter unha diversidade funcional e poranse a súa disposición tódalas ferramentas necesarias para a súa inclusión.
¿Que pretenden estes señores? ¿Retornar a épocas pasadas? ¿Que educación queren dar aos nosos fillos? ¿Que a persoa diferente ten que ser apartada da sociedade? ¿En que sociedade queren converternos?. É un atentado contra a dignidade do ser humano e que recorrerei aos xuíces, se fose necesario.
Pola súa banda, Anxela López asegurou que: a resolución da Delegación Provincial da Consellería de Educación vulnera o dereito de igualdade de oportunidades e a participación social de Alejandra sendo un exemplo claro de negación dos dereitos de igualdade, liberdade e dignidade inherentes a todo ser humano. Na opinión desta avogada, membro do Foro de Vida Independente, a opción de escolarizarse nun centro de educación especial debe ser unha opción, pero nunca un imperativo para a educación dunha persoa.
Nesta rolda de Prensa, Mónica fixo un pequeno repaso cronolóxico do caso de Alejandra.
Os problemas comezan co cambio á Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) que coinciden cun cambio na dirección do CPI Progreso de Catoira (na etapa de Educación Infantil e primaria non houbo ningún problema).
Dende un primeiro momento Mónica solicita un asistente nas clases de Alejandra para axudarlle no seu día a día. Ante esta petición, os docentes ampáranse na liberdade de cátedra para non permitir a presenza de ningunha persoa nas aulas, vulnerando con isto a normativa vixente.
Finalmente, a dirección do Centro Educativo notifícalles que Alejandra terá que ser matriculada no Centro de Educación Especial de Vilagarcía no vindeiro curso.
Por outra banda, Mónica Sumay quixo expresar o seu agradecemento a todos os alumnos do CPI Progreso e, en especial, aos compañeiros de Alejandra así como a todos os seus profesores de educación infantil e primaria:
xa que coa súa actitude de respecto e cariño con Alejandra durante todos estes anos contribuíron a que ela recibise unha verdadeira educación inclusiva.
Tamén destacou o traballo coordinado de todos os docentes que permitiu que tanto Alejandra como os seus compañeiros recibisen unha educación de calidade tendo en conta a formación curricular e os obxectivos a cubrir por cada un deles.
Os compañeiros que dende idade infantil compartiron esta experiencia, puideron enriquecerse coa mesma e, por este motivo, nunca mostraron ningún tipo de actitude discriminatoria para con Alejandra
.
O único que queda claro en todo este caso é que si queremos construír unha sociedade na que todas as persoas teñan cabida con independencia das súas circunstancias persoais, necesitamos da colaboración de todos os estamentos. Actitudes como a da Delegación Provincial da Consellería de Educación só serven para frear esta aspiración de igualdade social.
VIDEO: CanalRíasBaixas.com


![Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_fvid.png)
![Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_solcom.png)
![Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_dhy.png)
![Logotipo de ENIL, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_enil.png)
