A delegación de educación impide a escolarización da nena de catoira
Na mañá de hoxe a Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Educación deu un paso máis na vulneración dos dereitos humanos de Alejandra a nena con diversidade funcional intelectual de Catoira á que lle negan o seu dereito a escolarizarse nun centro ordinario.
Mónica Sumay levou a súa filla ao CPI Progreso, centro no que cursou os seus estudios ata o de agora en compañía dos seus irmáns e dos seus compañeiros, e negáronlle a entrada ao mesmo alegando que: había unha orde da Delegación de Educación que obrigaba a escolarizar a Alejandra no Centro de Educación Especial de Vilagarcía. Ante esta situación Sumay optou por levantar acta notarial deste feito que, en palabras da nai de Alejandra, é: unha vulneración clara do meu dereito de escolarizar aos meus fillos no centro educativo que eu decida. A lei ampárame.
Mónica Sumay asegura que a situación que están a vivir repercute no estado de saúde de Alejandra xa que: a nena sabe que algo está a pasar e ve que non pode ir a escola con todos os seus compañeiros.
A negativa á escolarizar con normalidade a Alejandra é unha falla de respecto polos dereitos humanos de Alejandra por parte da Delegación Provincial de Educación. Precisamente, o pasado 11 de setembro, os seus pais presentaron unha denuncia ante a Inspección da Axencia Estatal de Protección de Datos contra dita Delegación Provincial pola revelación de datos referentes ao seu historial médico a un medio de comunicación.
Alejandra e a súa familia están a recibir numerosas mostras de apoio nesta reivindicación, que é a dunha persoa que sufre unha discriminación polo simple feito de posuír unha diversidade funcional, neste caso, de índole intelectual.
Esta actuación contradí todos os preceptos da Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das persoas con Discapacidade que foi aprobada no mes de maio deste ano 2008.


![Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_fvid.png)
![Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_solcom.png)
![Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_dhy.png)
![Logotipo de ENIL, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]](http://www.vigalicia.org/themes/foliage/logo_enil.png)
